martes, 22 de junio de 2010

Biografía

EVARISTO CASTROMIL OTERO 1876-1969

Naceu en Santiago de Compostela no ano 1876. Os seus pais eran Ramón Castromil e Juana Otero Miras. Realizou estudos de Comercio e algúns cursos na Escola de Artes e Oficios.
Xa desde moi novo comezou a traballar e foi escalando postos ata chegar á posición de apoderado xeral.
No ano 1898 casou con Juana Casal Arnaud, da que terá dous fillos, Ramón e Carmen. No ano 1905 faleceu a súa esposa con só 26 anos de idade. Volveu casar en 1913 coa mestra de escola Gloria Covelo Villaverde.
Comezou a exercer como corredor de comercio. Pouco máis tarde, entraría por primeira vez en contacto co mundo da automoción cando en 1910 obtén a representación exclusiva para toda Galicia dos automóbiles Mitchell, un fabricante norteamericano de Winsconsin. Castromil, que importaba tres vehículos polo porto de Vilagarcía e tivo o seu primeiro cliente no cardeal Martín Herrera, non só vendía aqueles, senón que tamén os empregaba para alugamento a xeito de taxi.
A venda de automóbiles naquela altura non sería un gran negocio xa que no ano 1910 na provincia da Coruña só estaban dados de alta 36 vehículos de motor. Habería que esperar ata a década de 1920 para ver a colisión deste sector.
A experiencia dos primeiros anos no sector de automoción amosoulle probablemente que se as perspectivas da venda de automóbiles nun mercado galego eran daquela relativamente reducidas, non era este o caso para as de transporte público, xa que o transporte daquela tiña unha distancia moi limitada. Este era o motivo polo que o desprazamento de viaxeiros e mercadorías por medio de automóbiles acadara en Galicia un desenvolvemento relativamente rápido en relación ao seu nivel de benestar económico.
Santiago dispoñía de comunicación ferroviaria con Vigo e Portugal, a través de Padrón, Vilagarcía de Arousa e Pontevedra, pero carecía non só de liña ferroviaria co interior senón mesmo coa capital provincial. Por este motivo, foran xurdindo desde os primeiros anos do século empresas de autocares, que se foron engadindo ás tradicionais dilixencias, que partindo de Santiago de Compostela conectaban a cidade xacobea con vilas da importancia de Noia, Muros, Negreira, Vimianzo, Ourense, Lalín ou A Estrada. En todo caso era a rota Santiago-A Coruña a de máis demanda de tráfico que, nas vésperas da Primeira Gran Guerra, era explotada en réxime de libre competencia polas dúas empresas compostelás da época.
Sería neste contexto no que Evaristo Castromil decide entrar no negocio do transporte de viaxeiros e mercadorías por estrada, para o que estableceu no ano 1917 a empresa que levaría o seu apelido.
Daría de alta o seu autocar de 14 asentos o día 2 de xullo de 1918. Dous meses despois Casrromil mantiña xa con regularidade unha frecuencia diaria entre Santiago-Pontevedra e viceversa, con distintas paradas nos percorridos. Existían billetes de tres clases: o prezo de primeira clase entre Santiago-Pontevedra era de 10 pesetas, 7,60 pesetas en segunda e 5,60 pesetas en terceira, e o percorrido tiña unha duración aproximada de 2 horas.
En xaneiro de 1919, Castromil comeza tamén a ofrecer os seus servizos entre Santiago e A Coruña, cunha frecuencia diaria, xa que era un traxecto moi disputado.
Castromil era, xa que logo, unha das primeiras empresas galegas por estrada cando se promulga a Real orde do 4 de xullo de 1924, que significou un drástico punto de inflexión na historia da regulación do sector. Establecíase un mecanismo de conexión para cada liña a unha única empresa, que se comprometía en troques a pagar un canon e a transportar o correo e outros efectos públicos.

Evaristo Castromil foi consciente desde o primeiro momento da transcendencia do cambio na regulación que establecía a lei de exclusivas, e aplicou toda a súa estratexia para conseguir as concesións nas liñas que explotara ata daquela.

Deste xeito Castromil obtén definitivamente no ano 1928 a exclusiva sobre A Coruña-Santiago-Caldas-Pontevedra-Vigo, a máis importante de Galicia.

A pesar do crecemento da empresa e da súa transformación en sociedade anónima, Castromil seguía a ser unha empresa tipicamente familiar, na que a familia fundadora mantivo durante todo este período unha participación superior ao 70% do capital. De acordo con este carácter familiar da empresa, no ano 1933 accede por primeira vez a cargos directivos Ramón Castromil Casal, o fillo de Evaristo, que contaba daquela con 33 anos. O seu pai seguiría desempeñando o cargo de conselleiro delegado.

A Guerra Civil e o cambio político dos anos seguintes atoparían a Castromil en moi boa posición non só para evitar calquera tipo de problemas cos novos poderes do Estado, senón máis ben para tirar partido da nova situación.

A guerra significou así, como para calquera outra empresa, algunhas requisas de autocares para transportar tropas rebeldes á fronte, problemas de subministración de pezas de recambio e suspensións temporais de certos servizos e liñas de transportes de viaxeiros .

Probablemente, este ambiente de limitacións do crecemento no sector do transporte levou a Evaristo Castromil Otero a entrar noutra man de pequenos negocios na década dos corenta tal e como foi a montaxe, xunto cuns socios portugueses, dunha fábrica de alfombras situadas a carón dos garaxes que a Empresa Castromil posuía.

Evaristo Castromil ostentou o cargo de conselleiro delegado de Castromil S.A., ata a súa morte, na súa casa da rúa do Vilar 19, o 29 de outubro de 1969 á idade de 93 anos. Coa morte de Evaristo, o seu fillo Ramón pasa a ocupar o seu posto na empresa, mentres que o neto, o virtuoso pianista ocuparía a presidencia da compañía de transportes.

lunes, 26 de abril de 2010

miércoles, 7 de abril de 2010